Esta banda de Esteiro (Muros) ven de pasear o seu rock'n'roll por festivais como o Son Do Camiño, Fuzzville, Son Rías Baixas… lugares nos que compartiron cartel con nomes como Siniestro Total ou Manu Chao.
No 2014 conseguiron o "Premio a Mellor Álbum en Galego" nos "Premios da Música Independente" co seu disco A MUERTE.
No 2015 lanzan AL OTOMANO SE LE VA LA MANO, gravado por Tomás Ageitos nos estudios “A Ponte” e masterizado por Jim Diamond ( The White Stripes, The Sonics…).
Coa súa colaboración coa compañía teatral Chévere na obra “Eroski-Paraíso” conseguen o “Premio María Casares 2017” á “Mellor Música Orixinal”.
No 2019 sacan Espabila Gallego, un LP de dez coplas de rock’n’roll no que a banda vai dende o punk ao pop e dende o rock ata a música tradicional galega. Gravado e producido nos estudios “A Ponte” por Tomás Ageitos, trátase dun traballo no que os de Esteiro nos transportan á Costa da Morte, ao son atlántico con coplas cheas de retranca.
Agora volven con Era Cabra, un regreso á orixe tras unha revisión dos seus principios máis esenciais e unha etapa de coñecemento e fortalecemento interno. Este novo elepé está composto por oito temas con sabor a Terbutalina. Reflicte un período que estivo cargado de concentración, creación e regresión e ven con sorpresas, reencontros e regalos da vida. E música, moita música. Da boa.
Gravado e producido nos estudios 'A Ponte' por Tomás Axeitos e masterizado por Robin Schmidt nos estudios '24-96', a banda sigue apostando por fórmulas baseadas na confianza no talento propio e dispostos a reconquistar os pogos perdidos, as horas intempestivas e os kilómetros na carretera.
Transversalidade e evolución como notas definitorias do regreso de Terbutalina, que volven cunha proposta moito máis xenuina, envolta nunha contundencia sonora prescrita especialmente para unha correcta supervivencia do verdadeiro espíritu da escena alternativa.