O mail da Terbutalina a Turismo

Nas últimas semanas, estivemos vendo correr diante nosa a nova de que a Xunta, a través de Turismo, viña de pagar 302.500€ por un vídeo de Enrique Iglesias (aquí un par de fontes, 1 e 2). Pode que isto nos sorprendese, pero aínda nos desconcertou máis a reacción de enfado e indignación do común da xente. Por que? Porque nós contemplamos esa nova como unha oportunidade.

 

A continuación copiamos e pegamos o mail que enviamos onte á directora de Turismo, á xerente de Turismo, ao xefe da Área de Xestión Económica e Orzamentaria e ao xefe da Área de Contratación. 

 

Agardamos resposta...

O mail

Asunto: Proposta colaboración TURISMO - TERBUTALINA

 

Boas,

 

Somos Terbutalina, un grupo de música que leva en funcionamento desde 2010. Pode que non nos coñezan aínda, porque a Panorama aínda non toca ningunha das nosas cancións, mais, segundo un estudo interno que manexamos, nun par de anos estarán fartos de nos escoitar. Con todo, non dubiden en visitar a nosa web para ver qué é o que facemos. Se desexan, poden descargar tamén os nosos discos, que lles resultará totalmente de balde.

 

Ben, poñémonos en contacto con vostedes á vista de que se volve apostar polo apoio aos artistas musicais. Entendemos que, froito do actual panorama de recuperación económica, axudas ao videoclip de Enrique Iglesias cun importe duns 300.000€ supoñen un chamamento a que os artistas nos animemos a contactar con vostedes para levar a nosa arte un chanzo máis alá. Se un fillo de emigrante como o señor Enrique Iglesias pode promocionar o noso patrimonio, como non imos poder facelo os que disfrutamos deste paraíso día si e día tamén? Si. Entendemos a mensaxe positiva que nos estaban a enviar.

 

Indo ao concreto, expoñémoslle a nosa situación. Hai uns meses cambiamos de batera e estamos compoñendo novas cancións. Seguramente non tardemos en volver entrar ao estudio para gravar novas cancións. Que mellor que lanzar un novo traballo que acompañado dun bo videoclip? Por iso queriamos solicitar a súa colaboración para sacar adiante a nosa nova peza audiovisual.

 

A continuación presentámoslles unhas ideas que fomos tendo, pero que non teriamos problema en debater:

 

- Pensamos que é importante que se vexan paisaxes, mais diferentes aos que habitualmente saen neste tipo de pezas. Como a costa, os monumentos e os montes están bastante cubertos, pensamos que era bo asunto filmar garitos, pubs e salas de festa de todo o país. Así amósaselle ao turista máis motivos para nos visitar e coñecer. Para isto, deberiamos realizar un estudo de campo que non nos levaría máis dun par de meses.

 

- Nas novas cancións nos imos mover no universo da serie B (sangue, monstros e este tipo de historias). Sería moi importante que o atrezzo, disfraces e maquillaxe estivesen moi logrados. Para centralizar o abastecemento deste tipo de material abondaría con ir un par de tardes a Plásticos Santi cun bo feixe de billetes na man.

 

- Normalmente, nós protagonizamos parte dos nosos videoclips, mais entendemos que o ton profesional que merece este proxecto esixe que actrices e actores de renome participen nel. Propoñemos unha listaxe, cos que despois se negociaría tendo en conta a partida orzamentarias APARTADO ACTORIAL e evitando que se disparase: Luis Tosar (como para moito por Santiago, poderíamos collelo nós no coche), Nerea Barros (acaba de gañar un Goya, así que as negociacións poden ser peludas... podemos ofrecerlle camisetas e chapas do grupo), Ernesto Chao (para as escenas de bar), Isabel Blanco (para o público suízo), Monti Castiñeiras (cáenos ben e sempre hai que choiar con xente que che caia ben), Nieves Rodríguez (é a única que está ao tanto deste proxecto e di que lle fai moita ilusión)...

 

Comer hai que comer. Propoñemos que durante os días de rodaxe se encarguen O Fogar do Santiso dos xantares e o Bodegón A Corredoira da cea e do viño.

 

Agora toca falar de cartos. Esta é a nosa primeira estimación para o noso videoclip:

 

TRABALLO DE CAMPO EN PUBS E GARITOS: 120.000€
EQUIPO TÉCNICO: 180.000€ (mellor que sobre que que falte)
PLÁSTICOS SANTI: 60.000€ (caso de sobrar algo, podemos coller macetas para xardíns e tumbonas para as praias)
APARTADO ACTORIAL: 120.000€ (aos da farándula hainos que ter contentos)
COMIDA E VIÑO: 180.000€ (caso de alongar o tempo de rodaxe, revisaríase)
XESTORÍA: 6.000€

 

TOTAL: 666.000€

 

Agardamos resposta desexando que a proposta sexa do seu agrado. Preferimos cobrar por adiantado, que logo xa se sabe.

 

Agradecemos o seu tempo e dedicación. 

 

Atentamente,

 

TER-BU-TA-LI-NA


FACEBOOK TERBUTALINA
TWITTER TERBUTALINA
YOUTUBE TERBUTALINA
BANDCAMP TERBUTALINA
SOUNDCLOUD TERBUTALINA